sábado, 28 de maio de 2022

Basket Beats Borders

Esta semana volveu ao cole Adrián Dios, xa tiñamos ganas de volvelo a ver! 😀Desta vez veu presentarnos un proxecto impresionante no que está implicado: Basket Beats Borders O baloncesto derruba fronteiras. Adrián acaba de chegar de Beirut, onde estivo coñecendo e adestrando ao Palestine Youth Basket Team, un equipo de baloncesto feminino formado por refuxidas do campo de Shatila. Falounos de como é Shatila, de cando e porque se creou e ensinounos fotos e vídeos para axudarnos a entender as condicións de vida das máis de 44.000 persoas que viven nun campo orixinariamente pensado para 3.000 persoas. Pero sobre todo deixounos abraiados/as cando nos falou de Majdi Majzoub, creador do proxecto, e das rapazas que atoparon no baloncesto un espazo de encontro, de liberdade e de superación das barreiras que lles son impostas pola situación na que viven. Fermosísimo proxecto que pon luz a unha realidade terrible, a dos refuxiados e refuxiadas, sobre a que levamos traballando e falando todo o curso, que é moi difícil de entender, pero que non queremos deixar de lado.

Adrián tamén nos falou dos encontros do equipo das adultas con equipos femininos europeos, para adestrar e xogar con outras rapazas e para saír da situación na que viven, por un tempo. En xuño estarán en Madrid e está funcionando unha campaña de recollida de cartos para facer posible a viaxe e a estancia.

Grazas, Adrián, por descubrirnos Basket Beat Borders e demostrarnos que hai persoas empeñadas en cambiar o mundo, que se organizan e loitan para facer realidade os soños, pouco a pouco... 

Tomamos boa nota, nós tamén queremos implicarnos e colaborar co proxecto; iremos buscando xeitos de facelo.

Para saber máis: 

Reportaxe sobre BBB, contado por Adrián en Nós Diario 

BBB no xornal El salto diario

Para  colaborar na campaña de finanzamento da viaxe a Madrid no mes de xuño: Basket Beats Borders. Encontro Madrid Shatila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario