sábado, 28 de maio de 2022

Basket Beats Borders

Esta semana volveu ao cole Adrián Dios, xa tiñamos ganas de volvelo a ver! 😀Desta vez veu presentarnos un proxecto impresionante no que está implicado: Basket Beats Borders O baloncesto derruba fronteiras. Adrián acaba de chegar de Beirut, onde estivo coñecendo e adestrando ao Palestine Youth Basket Team, un equipo de baloncesto feminino formado por refuxidas do campo de Shatila. Falounos de como é Shatila, de cando e porque se creou e ensinounos fotos e vídeos para axudarnos a entender as condicións de vida das máis de 44.000 persoas que viven nun campo orixinariamente pensado para 3.000 persoas. Pero sobre todo deixounos abraiados/as cando nos falou de Majdi Majzoub, creador do proxecto, e das rapazas que atoparon no baloncesto un espazo de encontro, de liberdade e de superación das barreiras que lles son impostas pola situación na que viven. Fermosísimo proxecto que pon luz a unha realidade terrible, a dos refuxiados e refuxiadas, sobre a que levamos traballando e falando todo o curso, que é moi difícil de entender, pero que non queremos deixar de lado.

Adrián tamén nos falou dos encontros do equipo das adultas con equipos femininos europeos, para adestrar e xogar con outras rapazas e para saír da situación na que viven, por un tempo. En xuño estarán en Madrid e está funcionando unha campaña de recollida de cartos para facer posible a viaxe e a estancia.

Grazas, Adrián, por descubrirnos Basket Beat Borders e demostrarnos que hai persoas empeñadas en cambiar o mundo, que se organizan e loitan para facer realidade os soños, pouco a pouco... 

Tomamos boa nota, nós tamén queremos implicarnos e colaborar co proxecto; iremos buscando xeitos de facelo.

Para saber máis: 

Reportaxe sobre BBB, contado por Adrián en Nós Diario 

BBB no xornal El salto diario

Para  colaborar na campaña de finanzamento da viaxe a Madrid no mes de xuño: Basket Beats Borders. Encontro Madrid Shatila.

ELBE 2: plataforma de lectura dixital

Comezamos a coñecer a plataforma de lectura dixital ELBE2, que nos vai permitir ler en soporte dixital libros que poderemos coller en préstamo.  Empregaremos a Hora de Ler para ir afacéndonos a este novo formato de lectura, que imos poder usar tamén nas casas.

Valentes contra o acoso escolar

Esta semana tivemos a segunda charla da Garda Civil. Esta vez, Jorge falounos sobre o acoso escolar e a necesidade de plantarlle cara, de denunciar e non ser cómplices. É un tema moi importante, co que estamos sensibilizados/as, pero que sempre é necesario lembrar e reforzar, porque, desgrazadamente, é unha realidade coa que moitos nenos e nenas conviven. Só sendo valentes e non tolerando ningunha falta de respecto aos compañeiros e compañeiras garantiremos espazos seguros para medrar felices.

Río Xúcar

Iván levounos ata a vertente mediterránea, ao río Xúcar. 

Río Guadalquivir

Claudia falounos sobre o río Guadalquivir. 

Río Navia

Noa levounos á fronteira entre Asturias e Galicia, ás terras bañadas polo río Navia.

Reprodución asexual das plantas

Levounos un tempo, pero por fin puidemos ver como os gallos dunha flor de cera ao estar metidos en auga sacaban raíces. Xa temos unha nova planta na clase. Agora toca coidala.

domingo, 22 de maio de 2022

Parabéns!

O equipo mini do Club Baloncesto Rianxo é o Campión de Liga! Moitos parabéns!! 

Vedes algunha cara coñecida nese equipazo?😉😍

Río Texo

Carla Rial falounos sobre outro dos ríos máis importantes da Península Ibérica, o Texo. 

Río Ebro

En Sociais estamos traballando sobre os ríos de España, investigando e elaborando e expoñendo presentacións para saber máis sobre os ríos máis importantes da Península Ibérica. 

Comezamos as exposicións con Carla Fungueiriño, que nos falou sobre o río Ebro. 

sábado, 21 de maio de 2022

Lendo a Pere Tobaruela

A semana que vén teremos un novo  "Encontro con escritores/as" organizado pola BBS. Nesta ocasión coñeceremos a Pere Tobaruela, así que levamos unhas semanas lendo algunhas das súas obras. Desta vez cada quen escolleu que obra quería ler, así que algúns leron Vouvos papar e outros/as  Mortos de Ningures. Nas dúas Pere Tobaruela colaborou con outras escritoras na creación dos textos; teremos que preguntarlle, entre outras moitas  cousas,  a súa opinión sobre a escrita colaborativa e sobre a novela de misterio.





Ciberseguridade

Este venres tivemos unha charla sobre ciberseguridade a cargo da Garda Civil. Jorge falounos de grupos de whatsap, chats de xogos, buscas en internet... Todos temas moi interesantes, que nos deron para pensar e falar durante e despois da charla.

Obradoiro de nutrición: despedida

Este venres rematou o obradoiro de nutrición que se desenvolveu no cole desde comezos do 2º trimestre. Rematamos cun xogo no que participamos coa aula de 3º. Eles tiñan que escoller entre diferentes produtos e preparar pratos equilibrados e nós valorar e xustificar a valoración sobre o seu traballo. Foi un bo xeito de repasar o moito que aprendimos nestes meses. 
Grazas, Eloy!

xoves, 19 de maio de 2022

Relevo de interior e de costa

Hoxe presentamos na clase as maquetas de relevo que estivemos realizando nas últimas semanas, como parte das actividades sobre xeografía de España e Galicia. 
Hai un montón de traballo en cada unha das maquetas: escolla de elementos do relevo, deseño, creación, etiquetaxe, exposición... e sobre todo traballo en equipo, reparto de tarefas e responsabilidade. 
As nosas maquetas están desde hoxe na entrada do colexio, para compartir o que aprendemos co resto dos compañeiros/as. 
Bo traballo, Quinto!