martes, 26 de abril de 2022

Ángulos

Seguimos descubrindo que todo ao noso redor é xeometría. Hoxe Alba tróuxonos unha actividade sobre ángulos e o reloxo; todos os posibles ángulos están nas agullas do reloxo!

luns, 25 de abril de 2022

A voar!

Ás para remontar o voo

Hoxe celebramos no cole o Día do Libro, que foi o sábado. Comezamos completando a mensaxe aos nenos e nenas do Día do Libro Infantil. Para iso fixemos por equipos un "ditado en movemento" coas palabras que faltaban no texto.
Despois, unha vez lemos a mensaxe, elaboramos avións de papel e os decoramos con títulos e ilustracións dos nosos libros favoritos.
E rematamos facéndoos voar!
"As historias son ás para remontar o voo"

venres, 22 de abril de 2022

Maquetas

Levamos desde antes de Semana Santa elaborando maquetas que representen diferentes elementos do relevo de interior e de costa. Hoxe comezamos a darlles cor. Están a quedar moi ben!

Sinónimos e antónimos

Este martes Alba propúxonos traballar sobre sinónimos e antónimos con elementos da natureza; cada grupo tiña uns elementos naturais relacionados cuns adxectivos para os que había que buscar sinónimos e antónimos.Na posta en común descubrimos canto vocabulario podemos aprender con só observar e describir o medio natural que temos ao noso redor.

luns, 18 de abril de 2022

Marcos Mostaza

Esta é a nosa nova lectura, o novo título do itinerario lector de 5º. Con el descubriremos a un dos grandes da literatura infantil en castelán: Daniel Nesquens.

sábado, 9 de abril de 2022

Ciberseguridade

Onte rematamos o trimestre cunha charla sobre ciberseguridade. Carlos Ces, informático do Concello de Rianxo, falounos sobre os perigos que se agochan na rede, e o máis importante, como evitalos, para aproveitar todas as potencialidades que teñen internet, os videoxogos e os recursos informáticos. Foi unha charla moi interesante, na que resolvemos dúbidas e tomamos boa nota de trucos e xeitos de facer máis seguro o noso uso das redes. 

Grazas, Carlos!


 

mércores, 6 de abril de 2022

Banda deseñada natural

Este martes Alba propúxonos crear historias en banda deseñada usando só elementos naturais e tratando sobre a polinización ou a fotosíntese. Os grupos puxéronse a traballar e saíron historias moi creativas e moi visuais, que despois se contaron ao resto dos compañeiros/as. Mirade canta creatividade temos na clase!